Sunday 12 de May de 2024

O Quiosco Alfonso acolle unha exposición sobre Xoel López e ‘Atlántico’ no décimo aniversario do seu lanzamento


A mostra prolongarase ata o domingo 4 de decembro

Como parte da programación, o artista presentará hoxe, ás 20.00 horas e na Fundación Luís Seoane, o documental ‘La Caravana Americana’, xunto aos xornalistas Arturo Lezcano e Javier Becerra

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta tarde, xunto ao artista Xoel López, o acto de presentación da exposición ‘Xoel López. Atlántico: Décimo Aniversario’ no Quiosco Alfonso, que forma parte da ampla programación promovida polo Concello para celebrar o décimo aniversario do disco ‘Atlántico’.

A exposición, na que desde o pasado venres xa se pode coñecer moito máis sobre o artista e ‘Atlántico’, a obra que relanzou a súa carreira hai unha década, tamén conta cunha mostra exterior nos Xardíns de Méndez Núñez, onde o público atopará dez cubos xigantes con varias pasaxes da carreira de Xoel López relacionadas cunha canción que poden escoitar a través dun código QR presente nos cubos. O horario de visitas desde a súa apertura é de luns a domingo, de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.

“Como o gran artista que é, Xoel López sempre axuda a situar a nosa cidade como referencia no ámbito da música e do mundo da cultura. O seu amor e compromiso coa Coruña tamén queda reflexado nesta exposición fotográfica, mostra que permitirá á cidadanía achegarse un pouco máis ao traballo de Xoel e a súa persoa”, detallou hoxe Inés Rey.

Todo aquel que asista á exposición do artista poderá coñecer o periplo de tres anos do músico por Latinoamérica na procura de inspiración e novos retos. Este período da vida de Xoel López remata dando como resultado un proxecto chamado ‘La Caravana Americana’.

Xusto cando a súa etapa con Deluxe estaba no seu mellor momento e apuntaba a enchergrandes salas, o artista reflexiona, decide ser honesto consigo mesmo e deixar o proxecto para embarcarse nunha viaxe a Latinoamérica que cambiaría o rumbo da súa carreira.

Durante tres anos, o músico empapouse dos ritmos e influencias de todo artista que atopou no camiño. Anos máis tarde, Xoel López reúne a todos estes artistas e decide facer unha xira que levaría como título, precisamente, ‘La Caravana Americana’. Despois desta viaxe nace ‘Atlántico’ e con el, Xoel López. Na exposición do Quiosco Alfonso pódense ver fotografías que rememoran esta viaxe e tamén instrumentos autóctonos de Latinoamérica que o artista descubriu nesta etapa e que utiliza nas súas composicións desde ese momento ata o día de hoxe.

Na exposición sobre o artista atopamos referencias á súa cidade que traen á memoria outras formacións que Xoel López forxou na súa época coruñesa. Nesta parte da exposición dedicada á súa vida na Coruña, poderase ver tamén o ‘Decálogo Coruñés de Xoel’ que Xoel López escribiu. A súa etapa na Coruña tamén lle leva a relacionarse con artistas plásticos do momento. É o caso do pintor Jorge Cabezas, artista co que Xoel López ten moita relación na época e que xa forma parte da traxectoria do músico. Na exposición dedicouse un espazo á súa relación de amizade e a súa influencia en Xoel.

No Quiosco Alfonso, os asistentes atoparán tamén unha zona interactiva, na que o público pode poñer a proba os seus coñecementos sobre o músico e ‘Atlántico’, e tamén escoitar a súa música; un recuncho onde se poden observar os instrumentos que o artista usa para a composición das súas cancións e mesmo unha liña de tempo que repasa en imaxes a carreira de Xoel López desde os seus inicios ata día de hoxe.

Documental

Doutra banda, seguindo coa celebración do décimo aniversario de ‘Atlántico’, esta tarde presentarase o documental ‘La Caravana Americana’. Será ás 20.00 horas, na Fundación Luís Seoane. Un documental que conta a viaxe de Xoel López por Latinoamérica explicada anteriormente. Na presentación, o artista contará co xornalista Arturo Lezcano, quen o acompañou na viaxe e gravou as escenas que se emiten no documental. O tamén xornalista Javier Becerra, autor da obra ‘Atlántico. El disco de libertad de Xoel López’, será o moderador. A entrada é libre ata completar capacidade.